Carballo | Homenaxe en forma de intervención artística ás Mártires de Sofán

1 minutes read
  • María Caamaño Pallas, Carmen Veira Souto, María Serrano Paz e Josefa Bolón Mato, son as Mártires de Sofán. Cúmprese o centenario dos enfrontamentos entre a parroquia de Sofán e a Garda Civil que se saldaron coas mortes destas catro mulleres.

O proxecto de arte pública de Carballo chega á parroquia de Sofán, nunha iniciativa da Concellaría de Participación Veciñal, para materializar a proposta artística de Verónica Ramilo Graña, alumna da escola EASD Pablo Picasso da Coruña, que escolleu ás Mártires de Sofán para protagonizar o seu proxecto final dos estudos de Fotografía, un mural fotográfico no que utilizou unha técnica de arte urbana denominada paste-up para realizar unha composición estilo collage en branco e negro.

“Despois de facer un traballo de investigación sobre o acontecido hai 100 anos nesta parroquia de Sofán, realizando entrevistas con varias familiares directas das asasinadas, e recollendo a información que recompilaron persoas coma o historiador Xan Fraga, realicei unha interpretación persoal do acontecido, remarcando a forza das mulleres para enfrontarse ao poder”, explica a artista.

O mural será inaugurado este venres ás 20.00 horas.