Carballo homenaxeará aos falecidos por Covid-19 o 12 de marzo

1 minutes read
  • Será nun acto aberto á cidadanía que se desenvolverá na praza da rúa Xílgaro

O Concello de Carballo realizará unha homenaxe aos falecidos por Covid-19 o próximo sábado, día 12, coincidindo co segundo aniversario do inicio da pandemia despois de que a Organización Mundial da Saúde declarase a situación de emerxencia sanitaria o 11 de marzo do 2020.

No mes de xullo dese mesmo ano inaugurouse preto do Fórum Carballo a escultura Mágoa, do artesán Fabián Lage, en lembranza das vítimas desta enfermidade, adquirindo o compromiso de realizar un acto público de homenaxe cando «as circunstancia o permitisen», afirman desde o goberno local. Isto será posible dentro de case dúas semanas grazas á mellora da situación epidemiolóxica en todo o país e, especialmente, en Galicia, aínda que este martes rexistra un total de 16.109 positivos. En Carballo notificáronse nos últimos sete días 101 casos.

Este acto de homenaxe, aberto a toda a cidadanía, celebrarase a partir das 17:00 horas na praza da rúa Xílgaro. Intervirán o alcalde, Evencio Ferrero, e un familiar dunha das vítimas da Covid-19. A actuación da Orquestra de Corda do Conservatorio Profesional de Música do Concello, o descubrimento dunha placa conmemorativa e unha simbólica ofrenda floral completarán a homenaxe.