Ante a crecente inquedanza social que provoca a sucesión de actos violentos contra as mulleres que se producen nos ámbitos de ocio ou a escalada de agresións por submisión química, dende a Concellaría de Igualdade, Benestar e Sanidade impulsan a creación dunha rede de puntos seguros nos que, no caso de que precisalo, calquera persoa poida atopar axuda de xeito inmediato.
Búscanse espazos seguros para desfrutar do noso tempo de lecer, e nesta primeira fase orientase a creación da rede de puntos seguros a establecementos e servizos que funcionan en horario nocturno, como hostalaría, taxis e farmacias.
Os locais que queiran sumarse deben enviar un correo electrónico a carballoenrede@carballo.gal (indicando no asunto “ocio seguro”). Dende o Concello de Carballo ofreceráselles formación específica en igualdade, violencia de xénero, pautas e protocolos de actuación ante casos de violencias machistas, actos violentos contra persoas do colectivo LGTBQ+, etc. Ao remate da formación recibirán unha identificación como establecemento adherido á rede “Punto seguro”.
A concelleira de Igualdade, Maica Ures, agradeceu a boa disposición amosada pola Asociación de Hostalaría e agarda que neste mes de novembro se materialicen as primeiras adhesións á rede para poñela en marcha de xeito efectivo no vindeiro 2023.