- A mostra conta con pezas do escritor, cedidas temporalmente polo Concello
Cunha asistencia moi reducida, este martes inaugurouse a exposición que conmemora o 50º aniversario do instituto carballés Alfredo Brañas, que ademais conta con pezas do legado do escritor. Estas pezas foron cedidas temporalmente polo Concello ao instituto que leva o nome do único Fillo Predilecto de Carballo.
O alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, achegáronse ata o IES Alfredo Brañas para participar no sinxelo acto de apertura da mostra, ao que tamén asistiu coma convidado José Manuel Cameán en representación da Asociación Alfredo Brañas.
O profesor e historiador Xan Fraga fixo un breve percorrido pola exposición, que inclúe “elementos bastante destacados» como os libros “A campana d’Anllóns” de Eduardo Pondal ou unha primeira edición de “El Regionalismo”, editado en Barcelona en 1889. Fraga tamén destacou as relacións persoais de Alfredo Brañas con varias personalidades que foron especialmente importantes “para situar Carballo no mapa de Galicia”, unha idea compartida tamén polo alcalde.