Será nunha data simbólica nada máis comezar a primavera: o 21 de marzo, no que coinciden o Día da Poesía e o Día da Árbore. O xardín, cedido polo Concello de Allariz, foi un dos seleccionados no ano 2021 no Festival internacional de xardíns que se celebra cada ano nese concello ourensán, e constitúe unha auténtica obra de arte de xardinería deseñada por Arquiterras, un equipo galego formado por Sara del Río Seoane, Johnatan Carreira Vázquez e Ana Barxa Cid. Por iso no acto do vindeiro martes, que comezará ás 12:30 horas, estarán representados tanto o equipo de Arquiterras coma o Concello de Allariz, neste último caso pola alcaldesa, Cristina Cid, e polo concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela.
Pero os grandes protagonistas da xornada serán os alumnos e alumnas do CEIP A Cristina, situado a poucos metros do xardín, que se sumarán á celebración cun recital poético. E ademais contaremos coa presenza da actriz Larraitz Urruzola, que virá a Carballo coa súa boneca Rosalía para falar sobre a gran autora galega.
O Xardín de Rosalía, situado no Parque do Anllóns, moi preto da praza Xela Arias, está inspirado no poema Adiós ríos, adiós fontes, un exemplo da literatura da autora padronesa que retrata a emigración da época, que marcou as vidas da maioría das familias galegas e que hoxe volve ser unha realidade para moitos mozos e mozas da nosa terra.