Carballo incorpórase á Rede Galega de Vixilancia de Vectores cunha campaña de detección do mosquito tigre

3 minutes read

O Concello de Carballo colabora coa Dirección Xeral de Saúde Pública na prevención sanitaria ambiental coa posta en marcha do programa de control do mosquito tigre (Aedes albopictus). Técnicas da Consellería de Sanidade desprazáronse ata a localidade para manter unha xuntanza de traballo co concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, e persoal do servizo de control de pragas, co obxectivo de coordinar os esforzos ante a expansión deste vector en Galicia.

No encontro explicouse detalladamente o funcionamento do programa de vixilancia, e hoxe mesmo procedeuse á instalación da trampa que servirá para monitorizar a posible presenza do insecto no termo municipal. Esta campaña de mostraxes sobre o terreo estenderase de forma activa e ininterrompida en Carballo ata o próximo mes de novembro, coincidindo co período de maior actividade do vector. No caso de que se detectase a presenza do mosquito tigre no noso concello, por parte de Sanidade articularíanse as medidas complementarias necesarias.

Carballo convértese así nun dos municipios adheridos formalmente á Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), que opera desde o ano 2017 coa colaboración da Consellería do Medio Rural, as universidades de Santiago e Vigo e o CSIC.

A activación destas medidas preventivas en Carballo coincide coa convocatoria urxente do Comité Interdepartamental do Mosquito Tigre por parte da Xunta, fixada para mañá, 9 de xullo. O encontro técnico, no que participarán concellos e áreas sanitarias, convócase despois de que se confirmase a chegada deste insecto ao concello da Coruña, o que supón o primeiro foco detectado no norte de Galicia e que se suma aos 12 municipios da provincia de Pontevedra onde xa estaba asentado desde 2023.

Malia a capacidade do mosquito tigre para actuar como vector de enfermidades virais como o dengue ou o zika, o risco para a saúde pública en Galicia segue a ser moi baixo, dado que non se rexistrou ningún caso autóctono destas patoloxías. Os exemplares localizados na comunidade non están infectados polo microorganismo, polo que actualmente só representan unha molestia polas súas picaduras e non un problema de transmisión de enfermidades.

Como identificar o insecto?

O mosquito tigre é unha especie exótica invasora de hábitos marcadamente urbanos e diúrnos, que busca refuxio en zonas sombrías e con vexetación baixa. Diferénciase do mosquito común polas seguintes características:

  • Aspecto físico: é pequeno (entre 2 e 10 mm), de cor negra intensa, cunha liña branca lonxitudinal característica que percorre a súa cabeza e tórax, e manchas brancas nas patas.
  • Comportamento: voa moi preto do chan, non emite o zumbido típico e amosa unha gran agresividade, picando de forma prioritaria nas pernas.
  • Dispersión: ten un radio de voo autónomo moi curto (uns 500 metros), polo que a súa expansión a novas zonas adoita producirse de xeito pasivo viaxando no interior de vehículos particulares ou comerciais.

Ao tratarse dunha especie que deposita os seus ovos en recipientes con pequenas cantidades de auga estancada, no control do mosquito tigre tamén pode colaborar a veciñanza cunhas sinxelas pautas de prevención:

  • Baleirar ou poñer a cuberto cada 3 ou 4 días os pratos das macetas, baldes, xoguetes ou pequenos recipientes que acumulen auga de rega ou choiva.
  • Renovar a auga dos bebedoiros dos animais domésticos polo menos unha vez por semana e tapar hermeticamente con tapas ou telas mosquiteiras finas (malla de menos de 2 mm) os bidóns de recollida de auga.
  • Limpar os restos de follas dos canlóns dos tellados e evitar que queden pequenas láminas de auga no fondo de piscinas fóra de uso.
  • Usar roupa clara que cubra a pel e aplicar repelentes autorizados adecuados (evitando o seu uso en menores de dous anos).

Así mesmo, a Xunta anima aos carballeses a cooperar a través da ciencia cidadá empregando a aplicación móbil Mosquito Alert. Se un veciño detecta un exemplar sospeitoso ou sofre picaduras compatibles, pode enviar unha fotografía a través da plataforma. Un equipo de entomólogos encargarase de validar a imaxe, axudando así a mapear en tempo real a presenza do insecto e a orientar as tarefas de control en Carballo.