Carballo incrementa as axudas para financiar a actividade das entidades deportivas

PIXABAY

  • A partida alcanza os 125.000 euros e nos próximos días publicaranse as bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia

A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou este mércores, fóra da orde do día, a convocatoria das subvencións anuais destinadas a apoiar a actividade que desenvolven as entidades deportivas no municipio.

O Concello convoca cada ano tres liñas de axuda con obxectivos diferentes: o financiamento da organización e participación en fases finais de ascenso a competicións nacionais; a organización de eventos deportivos e actividades extraordinarias e o financiamento dos proxectos de actividade xeral das entidades. Esta terceira liña supón o groso das subvencións, pero este ano aínda máis, xa que a partida destinada a esta finalidade segue incrementándose ata acadar os 125.000 euros, un 20% máis que o ano pasado e un 34,93% máis que no 2019.

As bases serán publicadas nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia, e o prazo de solicitudes abrirá a partir da publicación do extracto da convocatoria.