Carballo incrementou un 19% as doazóns de sangue en tres anos e supera en seis puntos a media galega

1 minutes read

Carballo volve demostrar estes días o seu compromiso coa doazón de sangue coa nova campaña da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), que comezou este xoves e continuará ata o sábado coa presenza dunha unidade móbil na Praza do Concello.

O alcalde, Daniel Pérez, foi unha das persoas que se achegaron o primeiro día doar sangue, sumándose así ao chamamento de ADOS para manter unha participación elevada nunha época especialmente importante, como son os meses de verán.

Os datos dos últimos tres anos amosan unha evolución moi positiva da doazón de sangue no municipio. Carballo pasou das 1.198 doazóns rexistradas en 2023 ás 1.431 de 2025, o que supón 233 doazóns máis e un incremento do 19,4 %. O dato de Carballo sitúase ademais seis puntos por riba da media galega, que se atopa nas 39 doazóns por cada 1.000 habitantes.

O alcalde agradeceu a solidariedade da veciñanza e animou a manter esta tendencia. “Doar sangue é un xesto que nos leva moi pouco tempo, pero que pode ser decisivo para outra persoa. Que a participación siga medrando demostra o compromiso solidario da nosa veciñanza. Temos que seguir sumando, porque cada doazón conta”, destacou Daniel Pérez.

ADOS lembra que cada día son necesarias arredor de 400 doazóns en Galicia para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos hospitais. As necesidades mantéñense durante todo o ano, polo que resulta fundamental conservar unha participación estable tamén despois dos meses de verán.

Poden doar sangue, con carácter xeral, as persoas maiores de 18 anos, cun peso superior aos 50 quilos e que cumpran os requisitos sanitarios establecidos. As persoas interesadas poden resolver calquera dúbida sobre a doazón de sangue a través do teléfono gratuíto de ADOS 900 100 828.