Carballo | Indignación na Brea por ter que pagar os recibos de sumidoiro dos últimos catro anos


  • Desde Xuntos Carballo aseguran que foron os propios veciños os que pagaron, no seu día, a instalación da rede de sumidoiros

Membros da formación Xuntos Carballo M+J achegáronse esta semana ata a zona da Brea para recoller as queixas da veciñanza en relación ao requerimento do pago das tasas polo servizo de sumidoiros dos últimos catro anos.

Recentemente os habitantes da Brea foron notificados polo Concello de Carballo a pagar unha cantidade en concepto de atrasos por un servizo que, segundo o goberno local, está prestando desde esa data. A cidadanía pon en dúbida esta afirmación e por iso presentou alegacións por escrito a través do Rexistro municipal. O secretario de Xuntos Carballo, Xesús Deus Gende, sinala que «foron os propios habitantes os que pagaron no seu día a instalación da rede de sumidoiro, polo que non houbo investimento de diñeiro público». Ademais, a veciñanza asegura que está ao corrente dos pagos do subministro de auga onde, por outra banda, «non aparece reflectido o canon de saneamento requerido, non habendo por tanto constancia escrita do comenzo do servizo». Os veciños acatan a decisión de pagar o que corresponda pero «dende o día da notificación en diante, non de catro anos atrás».

Gende asegura que os carballeses afectados en ningún momento recibiron notificación algunha sobre a entrada do funcionamento deste servizo, polo que considera que se produciu unha falta de comunicación por parte da Administración local e que aínda que a lei permita o cobro de anos atrasados isto «non sería ético nin axeitado».