Carballo inicia a estratexia anticovid estival: máscaras obrigatorias nas praias agás durante o baño

Comisión de seguimiento de la Covid-19 en Caballo, 12/05/2021_Cedida

  • A comisión de seguimento da Covid-19 reuniuse este mércores para tratar outros asuntos como a suspensión das festas de San Xoán

A comisión de seguimento da Covid-19 no Concello de Carballo celebrou este mércores unha nova xuntanza para empezar a organizar a estratexia de actuación de cara ao verán. Esta primeira sesión centrouse nas citas máis inmediatas: o inicio da temporada de praias e as festas de San Xoán.

Con respecto ás primeiras, o Concello de Carballo aposta por manter o sistema de organización do ano pasado. Así, tal como recolle o DOG do pasado día 7, será preciso respectar a distancia interpersoal de seguridade e o límite de 6 persoas por grupo, agás no caso de conviventes. En canto ao uso de máscara, será obrigatorio agás durante o baño ou mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e garantizándose a distancia de seguridade. Tanto nos accesos ás praias coma nos paseos ou desprazamentos será obrigatoria.

Polo que respecta ás festas patronais, a Concellaría de Festas e a Asociación Cultural San Xoán xa anunciaron días atrás a suspensión dos actos, dada a imposibilidade de celebración de verbenas e outros eventos multitudinarios durante esta data. Aínda así, hai opción de acoller outro tipo de actividades con público limitado e sentado, sempre en función das restricións vixentes en cada momento. Nese sentido, un dos aspectos pendentes de valoración será a celebración de cachelas, que neste momento serían posibles cun máximo de participación de 6 persoas non conviventes.

Durante a reunión o alcalde, Evencio Ferrero, informou aos membros da comisión sobre os últimos datos da incidencia da COVID-19 no concello, no que este mércores se rexistraron 39 casos activos. O rexedor tamén destacou a decisión da Xunta de volver a incluír a Carballo entre as localidades co nivel de restricións máis baixo a partir deste venres. Isto suporá que os establecementos de hostalaría poderán volver a ter aforos do 50% no interior e o 75% en terraza.