Carballo inicia a quinta campaña de trampeo de velutinas cos apicultores

1 minutes read
  • No 2021 participaron 245 persoas e capturáronse 32.486 avespas, cifra récord

Cada ano, por estas datas, os concellos galegos poñen en marcha novas campañas de trampeo da avespa velutina. Aínda que acabar con esta especie invasora semella unha misión imposible, reducir a poboación e as súas consecuencias é posible grazas ás campañas anuais de trampeo, nas que Carballo foi un concello pioneiro no ano 2017. Este luns presentouse a quinta tempada coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Servizos, Luis Lamas; o responsable da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Control de Pragas- Plaguiber, Isidro Rodríguez, e un grupo de colaboradores habituais nos últimos anos, na súa maioría apicultores e apicultoras.

O ano pasado participaron na campaña 245 persoas e colocáronse un total de 1.519 trampas, o que permitiu chegar a unha cifra récord de 32.486 avespas capturadas, máis do dobre que no 2020. Este ano desde o Concello pretenden seguir ampliando o equipo de voluntarios, e por iso poñen a disposición de toda a veciñanza trampas e líquido atraente. As persoas interesadas poden achegarse ata a oficina de Plaguiber, na rúa Brasil número 27, ou cubrir este formulario.

Ademais, este ano realizaranse formacións específicas en cinco puntos do concello, coa finalidade de achegar ao maior número de persoas posibles nocións básicas sobre o comportamento da avespa velutina, a fabricación de trampas caseiras ou a prevención de picaduras, entre outros aspectos. As sesións levaranse a cabo nos centros sociais de Sofán, Rus, Lema, Cances e na Escola de Arrabaldes, no barrio urbano da Milagrosa, participarán tamén os apicultores.

O Concello agradece a implicación da veciñanza nesta campaña e lembra que os avisos dos niños que poidan ir aparecendo deben tramitarse a través do teléfono da Xunta de Galicia 012.