A Xunta de Goberno Local celebrada este venres no Concello de Carballo aprobou o expediente de contratación das obras da rede de abastecemento de auga dende Canosa (Rus) ata Entrecruces, que serán financiadas con 632.306,75 euros do POS+2023. Con este novo proxecto, o Concello de Carballo seguirá avanzando na extensión do ciclo da auga polo territorio municipal. Precisamente están tamén a piques de comezar as obras da rede de abastecemento á zona baixa de Sofán e Verdillo, cun investimento de 700.000 euros.
No POS+2023 tamén están incluídas as obras de aglomerado das estradas de Arnados (Razo) a Sambade (Rebordelos), por 576.614,01 euros, e de Pereiro Vello ata Outón (Rus), por 391.787,88 euros; a rede de abastecemento aos núcleos do Espiño, Ramil, O Piñeiro e Goiáns de Arriba, por 221.208,87, e a rede de pluviais en varias rúas do parque empresarial de Bértoa, por 353.476,44 euros.