Carballo | Iniciada a contratación das obras de ampliación do cemiterio municipal por 700.000 euros

Cementerio municipal Carballo_GOOGLE MAPS

  • Este luns adxudicáronse as dúas primeiras obras con cargo ao remanente de tesourería: a mellora da accesibilidade nas beirarrúas da Milagrosa e da avenida Ponte da Pedra, e as redes de saneamento de auga en Cambre (Lema) e Cambrelle (Razo)

A Xunta de Goberno Local de Carballo iniciou este luns o proceso de contratación dun paquete de tres obras que se financiarán con cargo ao remanente de tesourería. Entre elas figura a primeira fase da ampliación do cemiterio municipal, cun orzamento de 699.520,70 euros. As outras dúas actuacións son a reforma parcial dos almacéns municipais da Cristina para almacén-garaxe de Protección Civil, por 82.516,43 euros, e a mellora da seguridade viaria no polígono industrial de Bértoa, por 181.329,37 euros.

Con estas intervencións, o Concello xa ten en marcha 9 das 12 obras que se financiarán con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais cun total de 3.411.416,10 euros. Este luns foron adxudicadas as dúas primeiras: a actuación de mellora da accesibilidade nas beirarrúas da zona da Milagrosa e da avenida Ponte da Pedra, que executará a empresa Excavaciones y Obras Candal por 209.541,22 euros, e as redes de saneamento e abastecemento de auga en Cambre (Lema) e Cambrelle (Razo), que construirá Vázquez y Reino por 375.953,74 euros.

En fase de contratación atópanse a rede de saneamento e abastecemento de auga aos lugares de Leboreo, Requeixo e A Rega, na parroquia de Bértoa, por 368.311,59 euros; a reforma do centro social do barrio da Milagrosa por 147.317,86; a substitución da cuberta e revestimento da fachada do pavillón deportivo “Carballo Calero” grazas a un orzamento de 255.312,90; e a segunda fase da reforma do mercado por 101.068,12.

Deste xeito quedarían pendentes os proxectos de reurbanización da rúa Pontevedra por 151.344,30 euros e das rúas Ourense e Baños Vellos por 294.631,77. Tamén se atopa neste grupo a primeira fase da reforma do Pazo da Cultura, que conta cun orzamento de 428.600,63.

Na Xunta de Goberno Local tamén foron adxudicadas as obras incluídas no Plan de mellora de camiños municipais 2020, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, que serán executadas pola empresa Excavaciones y Obras Candal cun orzamento de 59.667,39 euros.

Outros acordos
O goberno municipal aprobou o pago de facturas por importe de 26.088,82 euros; a baixa do convenio coa Xunta para a tramitación de expedientes relativos ao incumprimento das medidas sanitarias; un novo acordo co IES Monte Neme para acoller a unha alumna en prácticas, a transmisión dunha licenza de taxi e varias licenzas urbanísticas, entre elas a correspondente á demolición do esqueleto dun edificio situado na rúa Bos Aires.

Fóra da orde do día tamén saíu adiante a resolución de concesión definitiva das axudas PEL Reactiva: Fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña.