Carballo | En marcha a creación de 130 aparcamentos gratuítos en A Cristina

Futuro aparcamiento en la zona de A Cristina_Concello de Carballo

  • A través do sistema de comodato, o Concello oferta máis 2.000 prazas de uso libre en toda a zona urbana

Este mércores iniciáronse as obras de acondicionamento dunha parcela na zona da Cristina para poder construír 130 prazas de aparcamento gratuíto. Esta intervención segue a liña do goberno local de ofertar estacionamentos libres a través do sistema do comodato, que consiste na cesión provisional do solo por parte dos seus propietarios a cambio da exención de impostos. Carballo é un municipio referente en Galicia neste tipo de xestión, e en breve superará as 2.300 prazas de uso libre en 40 parcelas de toda a zona urbana.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse onte ata a zona da Cristina coincidindo co comezo das obras. A parcela, duns 3.600 metros cadrados, está próxima a servizos públicos como o Pazo da Cultura, o INSS ou a Tesourería da Seguridade Social, ademais da rúa Barcelona ou varios servizos sanitarios privados.

Con este novo espazo, na contorna do Pazo da Cultura poderán estacionar máis de 600 vehículos, sen contar as prazas existentes nas propias rúas, sumándose así ás beiras do Rego da Balsa, que segue sendo a principal bolsa de aparcamentos da zona urbana con máis de 800 prazas repartidas nunha ducia de parcelas. O aparcamento situado no exterior do Centro Comercial Bergantiños, neste caso en terreo municipal, é o máis grande do concello con 210 prazas. O resto repártense polos barrios do Hospital, A Granxa, A Milagrosa, O Chorís, o San Martiño e no propio centro. Desde o executivo local destacan que está previsto habilitar a curto prazo dous novos espazos na rúa Gravador Facal.

As persoas interesadas en ceder os seus solares mentres non os precisen para outro uso poden poñerse en contacto co Concello no 981 704 100 ou a través de infocarballo@carballo.gal.