- A reposición da ponte, incluída no orzamento deste ano, está pendente da autorización de Augas de Galicia
Este luns o Concello de Carballo iniciou os labores de reparación do palco da música e da rampla de madeira do Parque do Anllóns. A actuación consistirá na reposición de todos os elementos danados -como a cuberta do palco- e no tratamento de toda a madeira co obxectivo de que se manteña o máximo tempo posible nas mellores condicións. Un cambio de imaxe que chega despois do arranxo de dez bancos na contorna do parque infantil por parte de Aspaber. A reposición da ponte, incluída no orzamento deste ano, está pendente da autorización de Augas de Galicia para coñecer as posibilidades «de repoñer a ponte e en que condicións, dado que ese é un dos puntos negros das inundacións».
De feito, nestes momentos están en marcha unha serie de actuacións incluídas no convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello para reducir o risco de inundación na área con risco potencial significativo de inundación (ARPSI) do río Anllóns. O acordo establece unha serie de actuacións que serán cofinanciadas nun 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), entre as que destacan a demolición de edificación, a reforma da ponte e a creación dunha canle de augas altas na rúa Sol; a reforma integral do parque do San Martiño e da ponte da Casilla, xunto co acondicionamento da canle; a mellora hidráulica do río ao seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552, na Cepeira (Sísamo); e a realización dun bypass no Muíño do Quinto.
A entidade autonómica comprométese a executar, controlar e financiar as obras precisas; mentres que o Concello de Carballo debe achegar os terreos, xestionar as licenzas e facerse cargo do mantemento posterior das obras. O orzamento das actuacións está estimado en tres millóns de euros, que se investirán en tres anualidades: 280.000 euros no 2021; 1.360.000, no 2022, e 1.360.000, no 2023.