Carballo intensifica a campaña de roza cun reforzo pola zona de costa


  • A empresa que complementa o traballo do persoal municipal empezou a traballar este luns pola zona de Leira.

O pasado 1 de xuño arrincaba a campaña anual de roza das vías municipais. En Carballo, con máis de 1.200 quilómetros de pistas e a necesidade de concentrar os labores de limpeza durante o verán para que sexa máis efectiva, a roza convértese entre os meses de xuño e outubro nunha tarefa contrarreloxo.

Nestes momentos a zona urbana está practicamente lista, o que permitirá aos equipos municipais comezar a traballar na zona rural. Os labores concentraranse na zona do interior xa que a empresa Jardincelas, adxudicataria do contrato para reforzar o servizo, iniciou este luns os traballos na zona costeira coa incorporación de dous tractores. As actuacións arrincaron por Leira e continuarán nas vindeiras semanas por todo o litoral.

A empresa asume a roza de 270,5 quilómetros de vías. O contrato inclúe tamén as contornas de postes, báculos de luminarias, contedores de lixo ou calquera outro elemento singular, así como a limpeza manual onde non sexa posible utilizar medios mecánicos.

Para estas intervencións o Concello de Carballo conta tamén con outra empresa que se encarga dos espazos de uso público: paseo do Anllóns, contorna do cemiterio municipal, aparcamentos das praias, zonas verdes, campos da festa, etc.