O festival de contidos dixitais Carballo Interplay continúa a ser un dos principais impulsores da creación de series web en Galicia a través de dúas das súas iniciativas: o Campamento Kamikaze e o Premio a proxectos de webserie en galego. Dúas producións nacidas noutras edicións do festival optan de feito, esta fin de semana, a un Premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. É o caso de Hai vida en Bran?-gañadora do premio a proxecto no 2017- e de Dinosaurio, nacida na primeira edición do Campamento Kamikaze.
Arxentina é punta de lanza na industria dos contidos dixitais en Latinoamérica, especialmente no que respecta á ficción e ás series feitas para internet. Por iso, será o primeiro país convidado que visita o Carballo Interplay e, grazas á colaboración entre o festival de contidos dixitais e o Cluster Audiovisual de Galicia, as persoas que asistan á xornada profesional que terá lugar o xoves 4 de abril poderán coñecer a representantes de cadeas e plataformas do país e mais ao director do do Buenos Aires Webfest, festival de referencia no mundo das webseries.

Estes días grávase, tamén, en Compostela Sígueme, a webserie impulsada por un grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual da USC baixo a dirección de Nuria Cancela que obtivo o premio ao mellor proxecto no 2018 e que se presentará, no Interplay, o xoves 4 de abril. Sígueme conta a historia dunha psicóloga que leva a cabo unha terapia experimental e está protagonizada por Paula Cereixo, acompañada por actores e actrices tan coñecidos e recoñecidos como Antonio Mourelos, María Costas, Xosé Barato ou Monti Castiñeiras. As persoas que queiran seguir os pasos deste novísimo equipo e presentar os seus proxectos de webserie en galego poden facelo ata o 17 de marzo a través da web carballointerplay.com. O galardón, que ten unha dotación económica de 1.500 euros que deberán destinarse á produción dos tres primeiros capítulos da webserie, resolverase cun pitching en directo durante o festival. E o resultado estrearase na sétima edición do Carballo Interplay.
