Carballo inviste 600.000 euros en tres grandes proxectos na parroquia de Lema

2 minutes read
  • O abastecemento de auga, previsto paar este ano, elevará o investimento a 1 millón de euros

Novo e gran investimento por parte do Concello de Carballo, esta vez na parroquia de Lema. As actuacións, marcadas como prioritarias polo Consello Parroquial, superarán o millón de euros debido a que á partida dos 600.000 euros para diferentes obras na parroquia tamén se lle suman 431.876,23 euros da rede de abastecemento de auga.

O máis avanzado é o proxecto de aglomerado dende A Vixía ata O Igrexario, que executa a empresa Construcciones López Cao cun orzamento de 206.728,50 euros. O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas, e Mobilidade, Juan Seoane, puideron comprobar este xoves que os traballos están case listos. Ademais da pavimentación da vía, a actuación incluíu a instalación das redes de saneamento e auga e o acondicionamento do campo da festa.

A mesma empresa encargarase tamén da reforma integral do centro social, ao que se destinaron outros 182.000 euros. As obras comezarán despois das festas, atendendo deste xeito a petición da veciñanza. O proxecto afecta a todos os elementos do edificio, do que practicamente só se conservarán os muros exteriores; pero a actuación non só afecta ao edificio, senón que tamén está prevista a urbanización de toda a parcela, na que se habilitarán unha zona de aparcamento e un parque con xogos infantís e equipamento de ocio saudable para as persoas maiores.

A terceira actuación en marcha, neste caso executada por Construcciones Vázquez y Reino, é a conservación e mellora viaria no núcleo de Castrillón, que foi adxudicada por 210.056 euros e que vén de comezar esta mesma semana coa limpeza das vías. O obxectivo fundamental é deixar instalada a canalización para a futura conexión á rede de abastecemento de auga a Lema (incluída nos orzamentos deste ano), e pavimentar todo o rueiro con formigón.

O concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero no campo da festa.