Carballo inviste 650.000 euros na creación dunha rede de parques de xogos integradores

1 minutes read
  • A maior parte do presuposto vai destinado ao proxecto Carballo para a infancia, financiado pola Deputación

A Brigada Municipal de Obras realiza estes días traballos de mantemento e posta a punto dos parques de xogos dos centros escolares de Xoane, Mirón, Sísamo, Berdillo, o CEIP Nétoma-Razo e Gándara-Sofán. Labores de acondicionamento que se suman á adquisición de novos xogos grazas a unha achega autonómica de 11.000 euros.

Esta intervención de mellora, xunto á actualización periódica das instalacións, é moi necesaria debido á «altísima intensidade de uso que teñen os parques infantís da zona urbana de Carballo», destacan desde o goberno local. Ademais, estas actuacións non son casos illados, xa que o Concello inviste máis de 650.000 euros na creación dunha rede de parques integradores con «espazos de convivencia entre a rapazada e as persoas adultas, fomentando deste xeito o vínculo emocional».

Nesta cantidade inclúense, por unha banda, os 551.568,40 euros do proxecto Carballo para a infancia, aprobado no pasado mes de outubro, que será financiado cunha subvención da Deputación da Coruña. Grazas a esta achega acometerase a reforma integral dos parques da Praza do Concello, a Praza Eduardo Pondal e A Milagrosa, actuando tanto nos recintos coma nas zonas axardinadas. Tamén se renovarán os xogos infantís.

Con esta mesma filosofía xa está en contratación outro proxecto de renovación integral dos parques do Chorís e da Praza do Hospital. Cun orzamento de 119.815,52 euros procedentes dos recursos municipais, procederase a actuar de novo nas instalacións como nos elementos de xogos, varios deles inclusivos.