- O xurado tamén decidiu galardoar a Juan Rodríguez Pazos, Sandra Ramilo Rodo e Francisco López López
- A entrega de premios será este venres , ás 20.00 horas, no Pazo da Cultura carballés
A 24ª edición do certame fotográfico Xosé Manuel Eirís, convocado polo Concello de Carballo, xa ten gañador: José Ramón Luna de la Ossa. O conquense percibirá 1.500 euros pola súa obra Miedo después del miedo ademais dun diploma. O segundo premio, patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz e dotado con 750 euros e un diploma, é para a fotografía titulada La extraña pareja, de Juan Rodríguez Pazos. Por outra banda, o Premio Especial Carballo recaeu na larachesa Sandra Ramilo Rodo coa imaxe Crise enerxética. Por esta obra recibirá 500 euros e diploma, unha recompensa patrocinada por Interfilm Carballo. Este ano tamén se entregará un accésit de 300 euros e diploma a Francisco López López, de Viveiro, pola súa obra Calma chicha.
O xurado fixo público o seu fallo este martes despois dun exame minucioso das 100 obras presentadas por un total de 44 autores e autoras. A entrega dos premios terá lugar este venres, ás 20.00 horas, no 3º andar do Pazo da Cultura. No mesmo acto será inaugurada a exposición das obras gañadoras e dunha selección realizada polo xurado entre todas as presentadas a esta edición.
O xurado estivo presidido por Marcos Trigo Facal, concelleiro de Cultura. Integrárono ademais Beatriz Neira Varela, en representación da Asociación Cultural Ría de Lema; Ángel Cordero Gómez, fotógrafo e profesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña; Carlos Fernández Pardellas, fotógrafo; Carlos Lorenzo Pérez, fotógrafo, creador audiovisual, xestor cultural e presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural; María Marticorena Cabezas, licenciada en Belas Artes, profesora de Educación Plástica Visual e artista performer, e Carmen Castro Pombo, xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo, que actuou coma secretaria do xurado.