Carballo | Labarta Pose e Pérez Lugín. Unha mirada troyana

Este sábado 27 de marzo ás 19 horas terá lugar no Casino de Carballo a presentación do ciclo “A Troya en ruta”. Ciclo que nace coa intencionalidade de divulgar a figura de persoas que tiveron relación coa novela homónima de Lugín e o seu tempo.

Primeiramente, proxectarase o documental “A Compostela da Casa da Troya”, para unha vez finalizado, proceder ao desenvolvemento dunha mesa-coloquio, moderada polo presentador do acto, o tamén Vicepresidente do Padroado Casa da Troya, Juán Carlos Díaz del Valle. O coloquio versará sobre a figura de Enrique Labarta Pose, estudante en Santiago.

O acto contará coa presenza do Vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela, así como de Aser Álvarez, director de Arrainos Produccións e Benigno Amor, director do Museo casa da Troya, quen dirixiu o documental, ao alimón. Ademais, contará coa presenza do actor e guía Suso Martínez, alter ego da figura troyana por antonomasia, Casimiro Barcala, a quen dá vida nos famosos roteiros troyanos que se escenifican no verán.

Pero, ¿quen é Labarta Pose?

Enrique Labarta Pose é un escritor e xornalista galego nado en Baio (Zas) o 22 de xullo de 1863. Coñecido co sobrenome de “Quevedo galego”, atopa na sátira humorística o leitmotiv da súa obra. Escribiu poesía e contos, ademais de fundar e dirixir xornais e revistas. Podemos citar, entre outras: Galicia humorística e O País galego, ambas en Santiago e ambas en 1888.

Estudou Dereito na Universidade de Santiago e ostentou o cargo de funcionario de Facenda.

Obtivo certos premios e recoñecementos como o conquistado no Certame Literario Musical de O´Galiciano de Pontevedra en 1886 con “ Unha corrida de touros en Noia”.

Faleceu no ano 1925 e lonxe da súa terra, en Barcelona.

Que relación tivo con Lugín?


Labarta e Lugín eran amigos, a pesar de que este último era máis novo coincidiron e compartiron confidencias. Estudou en Instituto de segundo ensino de Santiago de Compostela e licenciouse en Dereito en 1884. Pola súa banda, Lugín chega a Santiago un ano antes, en 1883, marchándose a Madrid en 1891, recentemente licenciado. Foi por tanto nese intervalo, no que o tempo fraguou na memoria e o corazón de ambos unhas vivencias, relacións e avatares comúns, desembocando no río da inspiración narrativa. O que sen ningunha dúbida modelaría, tanto os retrincos de personalidade, como os diferentes sucesos e episodios dos personaxes do universo lugíniano.

Os cadros literarios do autor da Casa da Troya estaban impregnados das súas vivencias, de todas. A súa narrativa era consecuencia directa do que vira, oído, vivido, e á súa especial maneira, interpretado. Barcala son todos e ningún e ao mesmo tempo, o resultado da súa vida universitaria compendiada nas páxinas que narran as aventuras e desventuras do estudante madrileño, Gerardo Roquer, protagonista da novela, e á súa vez, altofalante de todos os personaxes que con el conviviron na pensión de Dona Xenerosa Carollo.

E é o propio Lugín quen afirma que os versos de Barcala son do gran Enrique Labarta. E é que, xa só o nome garda certa eufonía, facilmente observable na comparativa Labarta versus Barcala. Aínda que tamén con Camilo Bargiela. Sen dúbida, retrincos de personaxes respectados, admirados e queridos por Lugín.

Resulta rechamante a defensa que Don Alejandro fai de Labarta cando proclama: Grazas a deus! Que alguén se acorda do poeta imperdonablemente escurecido, figura entón principal e da grey xuvenil.

Prosegue Lugín, glosando sobre a súa figura ao destacar o desenfado e a ironía zumbona, a socarronería e o “ galeguísimo carácter”.

De xustiza é tamén sinalar as influencias que doutros personaxes ten Barcala.

Por unha banda, a altisonancia nos discursos, de Alfredo Vicenti. Por outra banda, as aventuras estudantís, os bigotes impregnadores de carácter e o berce tudense, de Bargiela. E non podemos esquecer, de ningunha maneira, a Jacobo San Gil. Importante figura na Universidade compostelá, apelado “mestre de tunos” e doante de características mentais e físicas para con Barcala.

O discurso da despedida en casa de Branca contaría coa elocuencia de Bargiela, non de Labarta. Posto que o poeta de Baio acabara a súa carreira en 1884, cando Lugín comezaba, mentres que o tudense poñeríalle o punto final en 1889. A coincidencia no estudo de leis é entre Bargiela e Lugín. Con todo, as influencias de Labarta Pose á hora de expoñer, o seu estilo e a súa maneira de sentir, están presentes neste personaxe crave da novela.

No que concierne á sempiterna Tuna Compostelá, sinalar que é Barcala quen fala no Teatro Principal cando a Estudiantina disponse a marchar de xira durante os entroidos. Do mesmo xeito que Camilo Bargiela fixo en 1888, ao azar da mítica epopea por terras lusitanas, que a tuna se dispoñía a iniciar.

Pola súa banda, Labarta Pose terá o seu papel protagonista cando o Presidente é Netiño, na tuna de 1890. Motivo aludido por Lugín cando indica o papel directivo de Pepe Nieto.

Si, é ben certo, Barcala son todos e ningún, pero sobre todo son Labarta e Bargiela.

Este sábado, e en Carballo, teremos a oportunidade de descubrir a Casa da Troya e os seus segredos. Personificados na figura do troyano de Baio, quen nos outorga unha mirada galega, pura e desenfadada que vai máis aló dun tempo e unhas circunstancias. Que influíu tantísimo no autor da novela, a todos os niveis. Quen sen dúbida supón un referente e fonte de inspiración eterna.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha