- Hai un ano do taponamento da canle que comunica a lagoa co mar
O Día Mundial dos Humedais, celebrado este martes, non foi unha data de celebracións no concello de Carballo. A acumulación de toneladas de area na canle que comunicaba a lagoa de Baldaio co mar provocou unha crise ambiental, social e económica que obrigou ás Administracións competentes -Estado e Xunta de Galicia- a realizar unha intervención de urxencia para recuperar esa zona de confluencia natural entre a auga doce e a salgada.
Un ano despois, a efeméride do 2 de febreiro lembra aos cidadáns a importancia e a necesidade de seguir avanzando no desenvolvemento sostible dun dos espazos naturais máis importantes de Galicia.
Ata Baldaio achegouse o alcalde, Evencio Ferrero, acompañado polo concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, para realizar unha das visitas periódicas do goberno municipal e poder seguir a situación. A canle segue aberta, aínda que co seu curso modificado, creando un gran meandro na desembocadura. Polo momento mantense a comunicación entre a lagoa e o mar, pero o alcalde aproveitou para enviar unhas imaxes actualizadas da zona á Demarcación de Costas para así evitar que se repita a situación do ano pasado.
O Concello móstrase á disposición das Administracións competentes para colaborar na adopción das medidas que garantan a conservación dos valores naturais de Baldaio e das actividades residencial e económica que, dun xeito sostible, tamén se veñen desenvolvendo na zona. Ao mesmo tempo, continúa traballando na ordenación sostible da contorna mediante instrumentos como o Plan Especial de Pedra do Sal, que se presentará en breve para a súa aprobación inicial e que definirá o desenvolvemento urbanístico dunha área de 330.000 metros cadrados de solo rústico e de núcleo rural nun horizonte de 16 anos.