O Festival de Música e Baile Tradicional comezará este venres 26 de agosto ás 21.30 horas na Praza do Concello de Carballo, escenario da maior parte das actividades do Verán Cultural 2022. Nesta ocasión acollerá unha variada mostra do folclore local a través das actuacións da Banda Municipal de Gaitas, os Grupos de Música e Baile Tradicional da Asociación Cultural Nemeth, os Grupos de Música e Baile Tradicional de Arume de Verdillo e o Coro Aires de Bergantiños.
No transcurso do festival, e coa presenza dalgunhas das agrupacións musicais coas que colaborou, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, fará entrega dun Carballo de Sargadelos á familia de Pedro Luís Fernández Pombo, lembrando e agradecendo a súa implicación e contribución á música tradicional, unha afección que practicou durante toda a súa vida, así coma a súa contribución xenerosa á cultura de Carballo.
Implicación na vida cultural e social
Desde moi novo, Pedro Luis Fernández Pombo formouse como gaiteiro no Centro Cultural Alfredo Brañas, sendo despois membro do seu grupo de gaitas e tamén da Asociación Cultural Nemeth, así como doutras agrupacións carballesas coas que colaborou. Foi integrante tamén do Grupo de Cámara de Verdillo, no que tocaba o whistle, a guitarra e o laúde, e tamén do Coro Aires de Bergantiños, que presidiu desde o ano 1999.
Ademais, Pedro Luis Fernández Pombo, avogado de profesión e exconcelleiro da corporación, participou activamente na vida cultural e social de Carballo a través de entidades como o Padroado Fogar de Bergantiños, a Asociación Antidroga Vieiro, a Asociación Deportiva Fogar da Xuventude ou a parroquia de San Xoán Bautista.
