Carballo leva máis de dous meses cos semáforos apagados no centro


Desde mediados de setembro os semáforos que regulan o tráfico rodado e peonil na zona da Praza de Galicia e nas rúas Fomento, Vázquez de Parga e Barcelona en Carballo, están fóra de servizo. A primeira versión oficial ofrecida o 23 de setembro era unha avaría, a cal lle estaba dando complicacións de solución á empresa encargada do seu mantemento. Outra versión extraoficial sería o roubo de diferente material correspondente á xestión e control da sinalización luminosa e que habería que repoñer. O certo é que tantas semanas sen funcionar non é algo normal. Tampouco é algo relativamente cómodo para os usuarios da vía, sobre todo en interseccións con visibilidade reducida, como é o caso do xiro á esquerda da rúa Barcelona á Fomento. A situación tamén complica e agudiza as retencións de vehículos, que en moitos casos se ven sorprendidos por un goteo de peóns que tratan de cruzar a calzada polos lugares habilitados para iso sen unha estabilidade no tempo e a orde para poder facelo. Ás portas das datas do Nadal, co lóxico incremento de persoas e moitos nenos nas rúas, a solución da avaría contribuiría sen dúbida á fluidez e seguridade de todos, condutores e peóns.