‘Carballo levámolo dentro’ | Da Candeloria a San Valentín

2 minutes read

O Concello de Carballo traza unha ponte entre os dous días do amor que se celebran no mes de febreiro -o 2, Día da Candeloria, e o 14, Día de San Valentín- para deixar vía libre ás manifestacións de benquerenza por Carballo. Co lema Carballo levámolo dentro pretendese chegar ao corazón mesmo da veciñanza e conseguir a implicación popular no obxectivo que debe unir a todos os carballeses e carballesas: facer fachenda do pobo

E como «a partir da Candeloria ningunha ave voa soa», aproveitouse esta xornada para lanzar un novo convite a todas as persoas que levan Carballo no corazón. O mercado semanal deste xoves foi o escenario da primeira iniciativa da campaña: un photocall no que todas as persoas que quixeron puideron facerse fotos para levar como recordo ou para compartir nas redes sociais do Concello de Carballo, e como agradecemento entregóuselles un imán e un adhesivo para o coche. Tamén se achegaron ata alí o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro Juan Seoane. 

A inicitiva compleméntase nas redes sociais, enviando por Whatsapp (604072887) un vídeo ou unha fotografía alusivos ao lema da campaña, recompensarase cun agasallo. Hai de prazo ata o mesmo 14 de febreiro. 

As redes sociais serán tamén a plataforma na que se poderán ver e escoitar a distintas persoas que levan Carballo dentro e que queren compartir ese sentimento: carballesas e carballeses que destacan nas súas facetas profesionais, como a enxeñeira informática, profesora e investigadora da UDC Verónica Bolón, o xornalista Manuel Rey, as futbolistas Elena Vázquez e María Varela Bardanca, os arquitectos Diego Díaz e Gustavo Figueira e a cociñeira Rocío Martínez.

O día 14 de febreiro haberá tamén un agasallo para toda a clientela dos postos do mercado municipal de abastos: unha bolsa de rafia co lema da campaña que se poderá reutilizar en todas as compras.