O Concello de Carballo xa ten en licitación as obras de construción da rede de abastecemento de auga á zona baixa da parroquia de Sofán e a varios lugares de Verdillo. O proxecto está valorado en 700.171,12 euros, e as empresas interesadas en executalo teñen de prazo ata o día 28 deste mes de novembro para presentar as súas ofertas.
As actuacións previstas beneficiarán á veciñanza dos lugares de Bolón, Sofandónigo, Campo de Arriba, O Pilro, Quintela, A Tapia, O Forno, Periscal de Abaixo, Periscal de Arriba e A Praza, en Sofán; pero tamén permitirán completar o servizo na veciña parroquia de Verdillo, en concreto nos lugares de Regueira de Arriba, Regueira de Abaixo, Chacín e A Redonda. En total instalaranse 17.178 metros de tubaxes.
Coa licitación deste proxecto, o Concello de Carballo ten en marcha nestes momentos obras hidráulicas por 1,2 millóns de euros. O groso do investimento realizarase na zona rural, xa que, ademais dos 700.000 euros consignados para levar o auga a varios lugare de Sofán e Verdillo, tamén está en fase de contratación unha actuación para dotar de saneamento o núcleo do Igrexario de Lema e para completar as redes de abastecemento e saneamento en Arnados (Razo). O orzamento neste caso acada os 184.446,94 euros.
No Igrexario procederase á instalación de 1.146 metros de tubaxes e 33 pozos de rexistro. En Arnados está previsto colocar 798 metros de canalizacións e 26 pozos de rexistro para a rede de saneamento, pero neste caso tamén se inclúe o abastecemento de auga ás zonas do núcleo ás que non chegou a rede principal, para o que será preciso instalar 525 metros de rede.