Carballo incrementa un 35,5% o uso dos contedores de téxtil en cinco anos

1 minutes read
  • A veciñanza de Carballo depositou o ano pasado 185.000 prendas de roupa nos 34 colectores xestionados pola ONG Humana

A Fundación Humana, que promove a protección do medio ambiente a través da reutilización do téxtil, recolleu o ano pasado en Carballo 82 toneladas de téxtil usado, equivalentes a 185.000 prendas, que permitiron reducir as emisións de CO2 en 260 toneladas. O uso dos contedores específicos para este tipo de residuo incrementouse con respecto ao ano anterior nun 12,2%, pero o aumento acumulado nos últimos cinco anos sitúase no 35,5%.

Nestes momentos o concello conta con 34 puntos de recollida de téxtil distribuídos tanto pola zona urbana coma pola rural. Froito da boa resposta da veciñanza, Humana escolleu o municipio carballés para poñer en práctica o ano pasado unha experiencia piloto que ten como finalidade acadar os obxectivos do 55% de reciclaxe de residuos establecidos pola UE para o ano 2025.

Carballo conta cun contedor por cada 900 habitantes, mentres que a media española é de un por cada 5.000. “Queremos certificar que unha contenerización correctamente dimensionada é clave para recuperar unha maior cantidade de téxtil e cumprir os obxectivos da Unión Europea en materia de residuos”, explica o responsable de Humana en Galicia, Ricardo Rodríguez.