- Na Xunta de Goberno Local tamén se aprobou unha axuda municipal de 35.000 euros para o FIOT
A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou este luns os proxectos de equidistribución e de urbanización do sector de solo urbanizable correspondente ao parque comercial A Revolta. O sector conta cunha superficie bruta de 49.362,08 metros cadrados e 28.063,30 metros edificables. Estes repartiranse dúas mazás de uso terciario dentro das cales se reservan 2.806,33 metros cadrados para o Concello de Carballo.
O proxecto de urbanización ten como finalidade a execución dos servizos e as dotacións establecidas no plantexamento. A vía 1 entronca coa AC–552 na rotonda prevista como sistema xeral no PXOM, que será executada polo Concello de Carballo de forma simultánea coas obras de urbanización do sector, segundo o convenio aprobado no 2019. A intención da empresa promotora é abrir o parque comercial A Revolta no Nadal do 2022. A posta en marcha do complexo comercial e de ocio supón un investimento de 21,6 millóns de euros e a creación de máis de 700 empregos durante a construcción e preto de 500 durante a explotación.
Outros acordos
Tamén se aprobou a prórroga por un ano, do 1 de outubro do 2021 ao 1 de outubro do 2022, do contrato do servizo de limpeza viaria así como do expediente de contratación da aplicación informática para a prescrición dixitalizada de exercicio físico ás persoas usuarias dos servizos deportivos que presta o Concello de Carballo directamente, cun orzamento de 3.800 euros ao ano.
Por outra banda, deuse luz verde á imposición de penalidades por un total de 3.703,47 euros á empresa adxudicataria do contrato mixto de subministro e obra de instalación dos aparcamentos para bicicletas incluídos no proxecto Cicl-Ando Carballo polo incumprimento do contrato nun 50%.
Fóra da orde do día foi aprobada a programación do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), xunto cunha subvención de 35.000 euros para a súa organización, así como facturas por 33.000 euros e varias licenzas.
