Carballo | Máis de 1.600 nenos participaron na XV Semana do Libro e a Lectura

Semana do libro e a lectura en Carballo_Concello

  • A exposición dos traballos realizados polo alumnado dos distintos centros de infantil e primaria continúa aberta durante toda esta semana na biblioteca Rego da Balsa

A XV Semana do Libro e a Lectura regresou á localidade bergantiñá con moita forza e creatividade e coa participación de 1.634 escolares e grupos organizados de diferentes centros escolares para desfrutar do proxecto Carballo é… , onde os máis cativos amosan o seu concello e contorna desde varias perspectivas. A exposición, composta por traballos sobre o mar, o deporte, a cultura ou a natureza segue a disposición dos veciños no primeiro andar da biblioteca municipal Rego da Balsa.

Pero a Semana do Libro e a Lectura é moito máis. Dentro deste programa conxunto da Concellaría de Cultura e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz, entre o luns 25 e o venres 29 de abril desenvolvéronse 13 actuacións e obradoiros. Polos colexios carballeses pasaron Cé Orquestra Pantasma, María da Pontragha, o mago David Méndez, Xarope Tulú, Teatro Ghazafelhos, Félix Rodríguez ou Fran Re. Ademais, tamén destacaron as actividades enmarcadas na iniciativa Tardes de contos, música e maxia levada a cabo na biblioteca para nenos e nenas de 3 a 8 anos, co auditorio cheo todos os días.