- O Concello ten en marcha proxectos por valor de 2,5 millóns de euros para estender a auga potable polas parroquias
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse ata Rus aproveitando o inicio das obras de abastecemento de auga ao longo da estrada provincial, entre Santa María de Ardaña e Canosa. A actuación, que foi adxudicada á empresa Excavaciones y Obras Candal por un importe de 278.034,65 euros, permitirá levar o servizo aos lugares da Igrexa, Quintáns, Barís, O Val, O Pedreiro e Canosa, o que suporá a instalación de 8.635 metros de tubaxes. O proxecto está deseñado para garantir o subministro a unha poboación de 474 persoas, fixando como horizonte o ano 2030.
A extensión da rede municipal de auga potable é unha prioridade para o goberno municipal, como demostran os proxectos que ten en marcha nestes momentos, e que acadan os 2,5 millóns de euros de orzamento. Entre eses proxectos atópase o abastecemento a Oza e Razo que está practicamente rematado, e no que o concello destinou 1.226.456 euros de fondos propios.
Para completar o servizo na parroquia de Oza e continuar estendéndoo cara Goiáns, o goberno local ten en contratación o proxecto de mellora da rede de abastecemento de auga nos núcleos de Serantes (Oza) e Xoane (Goiáns). O investimento, incluído no POS+ 2020, acada os 171.006,65 euros. Na parroquia de Oza tamén se está a traballar no proxecto para levar a auga a Vilar de Uz, co cal se completaría o servizo en todos os núcleos.
Entre os proxectos en contratación tamén figura o de saneamento e abastecemento aos lugares do Curro, Aseñado, A Chavella, O Alto e A Redonda, cos que se dará servizo a un total de 32 vivendas; e completaranse as redes na parroquia de Berdillo. O investimento acada os 275.000 euros.