Carballo | Máis preto de ter unha canle de desaugadoiro na zona de Muíño do Quinto

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo dunha canle de desaugadoiro do río Anllóns, na zona de Muíño do Quinto, en Carballo.

Este contrato foi adxudicado á empresa Aquática Ingeniería Civil, SL por un importe de preto de 18.000 euros. O prazo de execución dos traballos é de 6 semanas.

A actuación forma parte do Plan específico de xestión do risco de Inundación (PEGRI) da área de risco potencial de inundación na área fluvial do Anllóns, neste municipio. Este plan, redactado por Augas de Galicia, define as medidas de prevención e preparación ante inundacións, as medidas de protección e medidas de recuperación e revisión tras producirse un episodio destas características.

O proxecto obxecto deste contrato é unha das medidas de protección durante as inundacións incluídas no Plan específico de xestión do risco, e ten cono obxectivo a creación dunha canle de desaugadoiro do río na zona de Muíño do Quinto, que actúe como baipás cando o caudal se eleve en época de avenidas.

Mediante este proxecto, proponse a construción dunha canle trapezoidal de entre 1 e 2 metros de profundidade e 6 metros de ancho na súa base. O cruzamento da canle co camiño Muíño do Quinto resólvese coa construción dunha obra de drenaxe transversal mediante 2 marcos de formigón.

Ademais, no proxecto construtivo, incluirase a restitución da senda peonil existente na marxe esquerda do río, propoñéndose a instalación dunha pasarela peonil de madeira que cruza sobre a canle de desaugadoiro para entroncar coa citada senda peonil.