Carballo mantén aberto o prazo de solicitude para participar na Campaña de Neve 2023


O Concello de Carballo participa un ano máis na Campaña de Neve da Deputación da Coruña, que volverá a celebrarse na estación invernal de Valgrande-Pajares, en Asturias. Poderán participar nenos e nenas de idades comprendidas entre 11 e 15 anos (cumpridos a 31 de decembro de 2022) e que estean empadroados no noso municipio.

Os nenos e nenas de Carballo participarán na segunda quenda da campaña, do 20 ao 23 xaneiro.O prazo de preinscrición está aberto ata o 16 de decembro. A cota de participación individual establecida pola Deputación é de 85,00 €, que deberá aboarse no momento da adxudicación da praza. Na web municipal pode descargarse a ficha de solicitude, que debe presentarse, debidamente cumprimentada, no Concello de Carballo a través do Rexistro de Entrada.

No suposto de ter máis solicitudes que número de prazas concedidas realizarase un sorteo público o 21 de decembro, ás 11.00 horas, na Casa do Concello. Terán preferencia os solicitantes que non teñan participado en ningunha campaña de esquí da Deputación.