María Torres Pose formalizou, na sesión celebrada este luns, a súa renuncia como concelleira do grupo socialista carballés. O alcalde, Evencio Ferrero, agradeceu o seu “compromiso coa corporación e a súa lealdade co Concello de Carballo”, ademais de desexarlle “o mellor”. A este desexo uníronse o resto dos grupos políticos.
María Torres, pola súa banda, quixo agradecer “o tratamento que tiven. Por circunstancias, cando non se pode exercer a responsabilidade como gustaría, hai que ceder o espazo a xente que poida facelo. Marcho con certa pena, pero tamén co orgullo de representar á veciñanza durante estes dous anos”.
Non quixo despedirse sen convidar aos compañeiros e compañeiras de corporación a fomentar o debate político sobre cuestións que, aínda que non sempre sexan de competencia municipal, afectan e preocupan á cidadanía. A petición do alcalde, a concelleira foi despedida cun aplauso.