Pode formar parte de Alingua calquera entidade que teña como obxectivo a defensa e a promoción do uso da lingua galega. As entidades locais que compartan este obxectivo e o desenvolvan a través de servizos de normalización lingüística poden ser socias.
O Concello de Vilagarcía acolleu este martes a presentación do programa de actividades para os vindeiros meses de Alingua, Asociación de entidades locais pola lingua galega, á que vén de adherirse o Concello de Carballo. A asociación, que é xestionada a través dos servizos de normalización lingüística de dezanove concellos, inclúe entre os seus obxectivos fundamentais promover e dinamizar o emprego do galego. Con esta premisa presentáronse as accións que se desenvolverán no primeiro semestre do ano e que converxen baixo a campaña É túa. Pásaa!. Este é o lema amosado a través de lonas en edificios municipais dos concellos participantes e este martes desvelouse que tamén é o retrouso da pegadiza canción que focaliza a mensaxe.
Alingua é unha entidade da que forman parte dezanove concellos galegos: A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa, e a Deputación de Pontevedra como membro amigo. Moitas destas institucións locais xa viñan colaborando en proxectos como Apego, Youtubeiras, Club de Debate ou Enreguéifate, e en 2019 crearon Alingua coa vontade de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma entre diferentes concellos.