Foi tanta a repercusión da polémica tala dun chorón no adro da capela da Milagrosa, coma o paseo viral dun xabaril pola céntrica Praza de Galicia hai menos dun mes, que grazas á creatividade de Gende Estudio, o porco bravo convértese no protagonista do cartel presentado este mércores polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, no mesmo lugar no que a cámara captou a carreira do animal.
A presentación do cartel coincide, ademais, coa apertura do prazo de inscrición para participar no Desfile e concurso de disfraces, comparsas e carrozas, que volverá o domingo 19, despois de dous anos de ausencia, con máis ganas e máis premios: 8.000 euros.
Como é habitual, o programa de Entroido inclúe non só as propostas da área de Cultura senón tamén as que levará a cabo o movemento asociativo en distintos puntos do concello, como é o caso da Festa re-nacemento do chorón no barrio da Milagrosa, a Festa de Entroido co dúo Élite en Sísamo, o Percorrido e Foliada de Entroido en Oza, o Baile de disfraces co trío Jaque e concurso de doces en Verdillo, ou o Festival musical Anos Oitenta co dúo Mar de Caión en Cances.
Do 17 ao 25 de febreiro haberá diversas actividades especialmente pensadas para os máis pequenos, como os obradoiros de maquillaxe e tocados de Entroido que se celebrarán na Biblioteca Rego da Balsa, ou a Festa infantil con picadiscos, xogos e animación que se celebrará o luns 20 na Praza do Concello. E ademais haberá animación coas mellores charangas, Enterro da sardiña dinamizado por Teatro Vagalume e a verbena do domingo de Entroido na Praza do Concello amenizada pola orquestra Trébol.