- O rexedor, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, visitaron este xoves as obras
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, visitaron este xoves as obras que está executando a empresa Vázquez y Reino para conectar a estación de tratamento do río Anllóns co depósito de Seixo Branco a través dun colector de máis de 1.800 metros. Unha intervención que supera os 132.000 euros e que «permitirá mellorar a garantía de subministro do abastecemento e facilitar as operacións de mantemento», sinalan desde o Concello.
A dobre captación de auga nos ríos Anllóns e Bardoso «mellorou a calidade do sistema de abastecemento, garante o subministro mediante a utilización alternativa das dúas captacións, contribúe a sustentabilidade do recurso e agora, ademais, vai permitir minimizar os efectos dunha posible seca», afirmou o rexedor.
Precisamente o Concello recibiu unha comunicación da directora de Augas de Galicia, María Teresa Gutiérrez López, na que insta a adoptar «as medidas que se consideren precisas» no caso de que se agrave a situación actual de escaseza de auga. A Xunta declarou o estado de prealerta hidrolóxica por seca na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, da que forma parte o municipio carballés, o que supón «un incremento da frecuencia do control e vixilancia dos indicadores de seca, da situación do recurso e dos sistemas de abastecemento, e tamén un labor de sensibilización veciñal sobre a necesidade de aforrar auga», detallan desde o consistorio.
Dende Augas de Galicia aluden tamén á importancia de que os concellos conten con plans municipais de emerxencia ante situacións de seca, un documento que no caso de Carballo foi, precisamente, o que determinou a necesidade de acometer as obras de conexión da estación de tratamento de auga potable do río Anllóns co depósito de Seixo Branco.