Carballo | Música e churrasco para inaugurar a praza de Aldemunde

  • Máis de 150 persoas acudiron este sábado á inauguración do espazo, unha vella demanda do consello parroquial

Esta pasado sábado máis de 150 persoas de dentro e fóra da parroquia carballesa de Aldemunde inauguraron o novo campo da festa. A renovación desta praza foi unha das grandes demandas do consello parroquial e, tras dous anos de espera, agora o espazo responde ás peticións e necesidades da veciñanza, que solicitara ao Concello un lugar diáfano e accesible. O alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse para acompañar á veciñanza nunha animada sesión vermú que contribuíu a abrir o apetito dos asistentes, podendo degustar empanada, polbo e churrasco.

O goberno local investiu uns 100.000 euros nestas intervencións, que incluíron a demolición dos vellos muros exteriores, o palco da música, a beirarrúa perimetral e as escaleiras de aceeso. Tamén se diminuíu a pendente do terreo. Agora, a veciñanza conta cunha praza de chan pavimentado, un novo peche de varandas de madeira e zona axardinada.

Cando remataron as obras da praza, a finais do ano 2019, foi necesario realizar tamén unha intervención na vella escola para que quedase integrada na contorna. Deste xeito, nos meses seguintes acometeuse un proxecto de reforma que incluíu a renovación do tellado e as ventás, o pintado exterior e outros traballos menores.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha