Carballo | Música e humor, protagonistas este xoves no acto de peche do Ano do Xestal

1 minutes read

O 4 de xaneiro Carballo volverá a lembrar a Carlos Díaz O Xestal con motivo do seu 31ª cabodano. Será o último acto dun extenso e completo Ano do Xestal, no que, dende o Concello de Carballo, se traballou desde diferentes perspectivas co obxectivo de dignificar a figura e o traballo dun dos artistas galegos máis relevantes da historia recente, músico e humorista autodidacta que elixiu Carballo para vivir, e tamén para morrer.

O de 2024 será un 4 de xaneiro moi especial, que poderemos celebrar arrodeados/as dos seus obxectos persoais, das súas coplas, das súas fotografías, dos seus discos… de todo o legado que integra a exposición O Xestal, unha vida de conto, aberta desde o 11 de outubro no Pazo da Cultura. Un marco excepcional para revivir a súa historia coa participación de Hadrián García, que guiará unha visita dramatizada, e de persoas que o coñeceron tan de preto como Xurxo Souto, profesor, escritor, músico e activista cultural, que tanto ten achegado a este Ano do Xestal, ou como os integrantes do Colectivo Xestal: Xan López, Toniño López e Xico de Cariño, cos que Carlos compartiu tantos escenarios. O acto será aberto, para que toda a veciñanza poida participar no peche deste Ano do Xestal, do que se agarda que prenda a semente para que a memoria de Carlos Díaz non volva caer no esquecemento e permaneza ano tras ano a través de actividades como as que se levaron a cabo dende o Concello de Carballo nos últimos doce meses.