Carballo | Nova campaña de trampeo da velutina en colaboración cos apicultores


Dado que esa colaboración se mantén dende a primeira edición, aproveitouse a asemblea xeral da Asociación Galega de Apicultura (AGA), que se celebrou no Fórum Carballo, para presentar a campaña 2023.

O ano pasado participaron 201 veciñas e veciños, que axudaron a distribuír polo territorio un total de 1.255 trampas, o que permitiu capturar 20.095 avespas. Unha das características da campaña de trampeo é que está aberta a toda a cidadanía, polo que se pon a disposición tanto as trampas como líquido atraente. Se queres sumarte só tes que achegarte ata a oficina da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Control de Pragas, Plaguiber, na rúa Brasil, número 27.

Dende o Concello agradecen a implicación da cidadanía na loita contra unha especie invasora que está a minguar a produción local de mel e de froita. A campaña de trampeo concéntrase entre os meses de marzo e maio, coincidindo coa aparición dos primeiros niños primarios, o que permite capturar ás raíñas e evitar a formación de futuros niños secundarios. O Servizo Municipal de Control de Pragas xa ten distribuídas tamén trampas por todas as zonas verdes, e, de feito, este domingo xa foi capturada a primeira.

En canto aos niños que poidan ir aparecendo, os avisos deben realizarse a través do teléfono da Xunta de Galicia 012.