Carballo | Nova vida para os magnolios da praza Vila de Laxe

1 minutes read

Tres dos catro magnolios que medraron durante as últimas décadas na praza Vila de Laxe en Carballo, xa locen nos xardíns da urbanización Costa Nariga, nas beiras do Rego da Balsa, onde terán moito máis espazo e mellores condicións para medrar e florecer. O traslado realizouse ao longo da mañá deste venres, supervisado por persoal das brigadas municipais de Obras e Xardíns, unha enxeñeira técnica agrícola e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas. Na praza, na que se están a desenvolver traballos de urbanización, conservarase o cuarto magnolio como símbolo da identidade que alí achegaron. 

O magnolio non sabe que o miro,

ou seica sabe que o miro e cala,

sen inmutarse, erguido na alameda,

indiferente a calquera conxectura.

Pásome longo tempo contemplándoo,

tratando de adiviñar o que pensa,

¿Alguén sabe o que pensan as árbores?

¿Alguén pode negalo ou afirmalo?

Hai seres que falan sen palabras

e que non necesitan a escritura,

¿Alguén sabe se senten ou non senten?

A resposta, en verdade, non me importa.

Bástame con miralo e con deixarme

invadir pola súa indolente beleza.

Antonio Casares.