O salón de plenos do Concello de Carballo acolleu este xoves unha nova xuntanza da comisión de seguimento da COVID-19. Como é habitual, o alcalde, Evencio Ferrero, abriu a sesión informando sobre a incidencia do coronavirus a nivel municipal e sobre a decisión do Sergas de realizar ata este domingo un cribado entre a poboación de 55 a 65 anos.
O goberno municipal decide seguir mantendo feiras e mercados e o Mercado Municipal volve a abrir pola mañá e pola tarde, en xornada partida. Así mesmo, decídese reabrir os parques e as instalacións deportivas ao aire libre e analizáronse as novidades en materia cultural e deportiva, con especial referencia á volta das competicións deportivas autonómicas a partir da categoría alevín.
Por parte das forzas de seguridade fíxose balance do cumprimento das medidas de prevención vixentes. O xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, manifestou que “a inmensa maioría da poboación cumpre”. Pero hai excepcións, sobre todo relativas aos peches perimetrais.
A comisión de seguimento da COVID-19 fixará a data da próxima reunión en función da evolución da pandemia.