Carballo | ‘Novembro con música’ convértese nunha homenaxe ao violinista Eduardo Coma

1 minutes read

A música sufriu este mércores unha gran perda. O violinista Eduardo Coma (Cuba, 1967), profesor no Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, faleceu 18 días despois de ingresar na UCI como consecuencia dunha parada cardio-respiratoria. Casualmente, horas antes de coñecerse a triste nova, a Concellaría de Cultura presentaba o cartel do clásico Novembro con música, un programa que conta sempre cun protagonismo especial do CMUS e que neste 2022 converterase nunha homenaxe ao extraordinario violinista que foi Eduardo Coma.

O propio Conservatorio Profesional de Música, xunto coa asociación cultural San Campio de Cances, a Coral de Bergantiños, o Casino 1889, a asociación cultural Lumieira e a Deputación da Coruña, colaborarán para iluminar coa luz da música esta triste xornada e os próximos días, os máis curtos do ano. Durante todo un mes, dende o 10 de novembro, ata que empece a minguar a noite e medrar o día, volve Novembro con música cunha oferta na que están representados estilos tan diferentes como o folk, o pop, a música clásica ou a coral, para intentar chegar a todos os públicos. E tamén con esa finalidade, ademais de concertos e actuacións, a través da programación elaborada pola Concellaría de Cultura sairán á luz proxectos literarios e cinematográficos que nos amosarán outros xeitos de desfrutar da música.