- Outro sinistro, case á mesma hora, tamén deixou dúas persoas feridas na Laracha.
Sobre as 11 da noite deste sábado produciuse un novo accidente nun dos puntos «quentes», en canto a sinistros de tráfico se refire, na estrada DP-1914 que enlaza Carballo con Portomouro e á vez con Santiago de Compostela. Tratouse da colisión frontolateral entre dous turismos, un Peugeot e un Toyota. Logo do impacto o primeiro quedou situado no centro da calzada dirección Santiago e o segundo encaixado contra unha vivenda dirección Carballo. Como consecuencia do choque dúas persoas resultaron feridas, unha muller de mediana idade levou a peor parte e tras ser estabilizada polos sanitarios no lugar do accidente foi evacuada de urxencia ao hospital para o seu recoñecemento. Tras a alerta pasada polo 112 Emerxencias Galicia ao lugar desprazáronse dúas ambulancias do 061, así como dúas patrullas da Garda Civil de Tráfico, que levantaron o correspondente atestado.