Carballo | Novo emblema da loita contra a contaminación do mar na Pedra do Sal

Un arroaz de plástico reciclado que reloce na Pedra do Sal en Baldaio vai ser o emblema da loita contra a contaminación do mar, un gravísimo problema medioambiental que se volveu a constatar na xornada de limpeza realizada no marco do programa “Eu quero Razo-Baldaio”, e na que se recolleron 1.000 quilos de residuos, na súa maioría de plástico.

“A idea é concienciar, a ver se pouquiño a pouco podemos eliminar o plástico do mar, porque este é o legado que lles deixamos aos nosos fillos”, sinalou o artesán Fabián Lage no acto de inauguración. El foi o encargado de construír a estrutura de ferro con forma de arroaz, recuberta cos fíos de plástico realizados polos usuarios/as de Aspaber e que se encargaron de tecer as mans voluntarias de moitos veciños e veciñas dirixidos por Inés Rodríguez, artesá especializada en tecidos. “Temos que intentar reducir o uso de plástico, ou polo menos buscarlle un novo uso para que non chegue ao mar”, insistiu Inés Rodríguez.

O alcalde, Evencio Ferrero, felicitou polo traballo realizado tanto aos artesáns coma aos usuarios de Aspaber e aos veciños e veciñas que participaron no proceso de creación da escultura no que se utilizaron 300 botellas de auga e un contedor de papel para a ola sobre a que surfea o novo habitante da Pedra do Sal.

Momento da inauguración do arroaz en Baldaio.