Carballo | O alcalde pide responsabilidade cidadá ante o levantamento do peche perimetral

2 minutes read
  • A localidade entra este xoves no nivel básico de restricións sanitarias

O Concello de Carballo atópase desde este xoves fóra do peche perimetral establecido pola Xunta de Galicia desde fai máis dun mes. Carballo acadou o 23 de novembro o pico de casos activos de Covid-19 con 191 positivos, mentres que a día de hoxe e, segundo os datos facilitados polo Sergas, o número de contaxios sitúase en 48. Ante esta nova situación, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, pídelle á veciñanza responsabilidade.

A localidade atópase desde este xoves no nivel básico de restricións, o que entre outras medidas implica que a hostalaría poderá ampliar o seu horario de apertura ata as 23:00 horas, atender no interior cun 50% do aforo pero sen barra, e no exterior cun 75%. Ademais, tanto na hostalaría como en calquera outra actividade en espazos abertos ou pechados poderán reunirse ata 6 persoas non conviventes (dúas máis que agora).

O levantamento do peche perimetral supón tamén que a xente de Carballo se poida desprazar por diferentes concellos galegos que tamén se atopen con restricións básicas. Iso si, os carballeses non poderán acceder a concellos perimetrados como Arteixo, A Coruña ou Santiago, agás por causas xustificadas.

Seguimento da pandemia
Este mércores celebrouse unha xuntanza da comisión de seguimento da Covid-19 en Carballo. O alcalde pediu ás autoridades sanitarias que, malia o levantamento das severas restricións, continúen achegando datos diarios de casos activos para facilitar o seguimento da pandemia tamén a nivel municipal.

Nese sentido, o rexedor tamén lle solicitou á Garda Civil e Policía Local un seguimento continuado do cumprimento das normas.

Na mesma reunión acordouse a reapertura dos parques infantís e a reanudación dos servizos deportivos, entre os que se atopan: a escola de natación para nenos e nenas (a piscina Vila de Noia volverá a estar restrinxida para uso libre de 08:00 a 22:30 horas) e o aquagym. Tamén se procederá á apertura do vaso de chapoteo.