- Tanto el coma seu pai mostráronse moi agradecidos co apoio do Concello, e destacaron que seguirán levando o nome de Carballo por toda España
Din que hai persoas que comezan a cantar ou a andar en moto antes que a camiñar. E ese é o caso de Daniel Díaz Rama que, con tan só oito anos, acaba de proclamarse campión de Castela e León de motocross na categoría alevín. Este venres, acompañado polo seu pai, foi recibido polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, nun acto no que tamén participou o xerente de Carballo Deporte, Francisco García Bello.
“Daniel tiña moitas gañas de coñecer ao alcalde”, dixo seu pai. Ademais de cumprir ese desexo, Dani recibiu de mans de Evencio Ferrero un dos moitos trofeos que seguramente vai recoller ao longo da súa carreira deportiva. “Pero este é especial porque é o símbolo de Carballo”, comentoulle o rexedor ao rapaz, que quedou encantado coa figura dun carballo de Sargadelos que o Concello utiliza como agasallo institucional.
O pai do novísimo deportista, que colleu unha moto aos tres anos, agradeceu o apoio do Concello de Carballo e sinalou que «é un empuxón e, se cadra, un punto máis de motivación para o vindeiro ano, no que seguiremos levando o nome de Carballo por todo o territorio nacional”.
A próxima temporada Daniel cambiará de categoría e tamén de moto. “Despois dunha gran tempada este ano, tanto no mundial como no campionato de España de motocross dos pilotos galegos Jorge Prado, Rubén Fernández e Yago Martínez, nós estamos encantados de traer para Galicia, e para Carballo, o título de campión de Castela e León alevín”, asegurou o pai de Daniel, que tamén quixo agradecer o apoio dos patrocinadores.