- No mes de xuño caeu parte do falso teito, causando danos nas butacas e rede eléctrica, e a día de hoxe a sala continúa pechada
Este luns o deputado do BNG, Daniel Pérez, rexistrará unha iniciativa no Parlamento para que a Xunta de Galicia explique os motivos polos que aínda non se repararon os danos que sufriu o salón de actos do IES Alfredo Brañas de Carballo no mes de xuño.
No verán caeu parte do falso teito do recinto, posiblemente «polas humidades e por unha praga de avelaíña», sinalaron este sábado nunha rolda de prensa o propio deputado e a concelleira Milagros Lantes, como representante do Concello de Carballo, no consello escolar do instituto. Afortunadamente, durante o incidente non se produciron danos persoais pero si materiais, tanto nas butacas coma no sistema de iluminación e eléctrico.
Naquel momento, o equipo directivo decidiu clausurar o salón de actos e dar conta do sucedido á Consellería de Educación, enviando ao colexio a un técnico e un arquitecto para avaliar os danos. Estes traballadores comunicaran ao centro que volverían a finais do verán para buscar unha solución pero, despois de cinco meses, nin a dirección do instituto nin o Concello teñen información ao respecto.
A día de hoxe non é posible realizar ningunha das múltiples actividades que habitualmente tiñan lugar no salón de actos por medo a poñer en risco a integridade física do persoal do centro e dos propios alumnos. «O desleixo da Consellería de Educación é absolutamente inxustificable e constitúe un desplante máis cara un centro que leva máis de cinco anos sen que se realicen investimentos de relevancia», sentenciaron os nacionalistas na rolda de prensa, polo que solicitarán á Xunta que explique cando ten previsto realizar as obras de reforma integral do local ou o acondicionamento da fachada, para evitar desprendementos dos cascotes. Tamén piden coñecer se finalmente se realizou un informe técnico sobre o incidente.