- Desde o BNG destacan que xa lle trasladaron ao voceiro de TeGa que presenten os rogos con máis antelación
Ante as críticas e a indignación por parte do grupo municipal Terra Galega (TeGa) sobre a non resposta ós rogos e preguntas no pleno de xullo no Concello de Carballo por parte do alcalde e dos concelleiros, o BNG de Bergantiños emitiu a súa opinión.
«O goberno do BNG contestou sempre a todas as cuestións formuladas polos grupos da oposición», sinalan, «pero é verdade que cando se presentan o mesmo día do pleno, na hora de peche do Rexistro Municipal e ademais se pregunta sobre cuestións técnicas, o único que fai TeGa é dificultar que se lles dea resposta».
Os nacionalistas destacan que o Goberno municipal cumpre co establecido no regulamento de funcionamento das corporacións locais e «mesmo contestamos preguntas presentadas o mesmo día pero con algo de marxe para facelo con rigor. Cando iso non é posible, as preguntas son respondidas ao pleno seguinte».
Desde o Executivo sinalan que xa se lle trasladou ao voceiro de Terra Galega, Andrés Eirís Barca, a petición «expresa» para que presente os rogos e preguntas polo menos cunhas horas máis de antelación para poder facilitar o traballo dos técnicos e darlles resposta no mesmo pleno. «Ata agora non o fixeron, o que demostra tamén pouco respecto polo persoal municipal».