Carballo | O BNG ve inadmisible que a Xunta presente un «protocolo educativo definitivo» a mediados de setembro

1 minutes read
  • A formación presentará unha moción no próximo pleno para que a Xunta elabore un plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios de Carballo

O BNG de Carballo defenderá no próximo pleno do Concello unha moción relativa á incerteza «provocada pola Xunta de Galiza, tanto na comunidade educativa coma nos concellos, ao eludir as súas responsabilidades como única Administración competente tanto en materia de educación coma de sanidade».

Os nacionalistas ven «inadmisible» que por parte do Goberno do PP se anuncie un protocolo definitivo para a segunda semana de setembro, «o que demostra unha absoluta falta de planificación que, xunto á carencia dos medios que esixe a actual situación sanitaria, repercutirá negativamente no alumnado, no profesorado e nas familias», sinalan desde a formación.

O protocolo de adaptación ao contexto da covid-19 nos centros de ensino para o curso 2020-2021 foi rexeitado polas ANPAS e por moitos concellos de Galicia ao non estar de acordo coas medidas elaboradas e aprobadas unilateralmente pola Consellería de Educación. «A Xunta elaborou o protocolo primando os criterios económicos por riba da calidade educativa e as garantías sanitarias», sinalan desde o BNG, que na moción tamén lle esixirán ao goberno galego «a elaboración e financiamento do Plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios do municipio carballés, derivado da Covid-19, asumindo a totalidade do sobrecuste» deste protocolo.

Para o BNG de Carballo, a educación pública «sempre foi e seguirá sendo unha prioridade, e nese sentido seguiremos esixindo que por parte da Administración competente se tomen as medidas precisas para garantir un ensino de calidade coas imprescindibles condicións de seguridade sanitaria».