Carballo | O ciclo “A Troya en Ruta” fará parada no Casino o día 27


O ciclo “A Troya en Ruta” chega á capital de Bergantiños o sábado 27 de marzo ás 19:00 horas. A cita será no Casino de Carballo, onde terá lugar a proxección documental de “A Compostela da Casa da Troya”, un sorprendente percorrido audiovisual pola Compostela de hai cen anos producido por Arraianos Producións con motivo do centenario da publicación da novela. Unha curtametraxe documental dirixida por Benigno Amor e Aser Álvarez, que nos convida a facer unha viaxe aos tempos da famosa e premiada novela “La Casa de la Troya”, de Alejandro Pérez Lugín. Trátase dunha recreación ficcionada na que Manolito Casás, personaxe da novela, se lle aparece a un neno nunha noite de defuntos na vella pensión de estudantes na que está ambientada a novela. O acto estará presentado polo carballés Juan Carlos Díaz del Valle, nel farán acto de presenza o estudante Enrique Labarta, Aser Álvarez, director de Arrainos Produccións, o actor Suso Martínez, o director do Museo Casa de la Troya, Benigno Amor, e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.